Friday 19 de April de 2024

Abertas ao público as piscinas do Multiúsos Fontes do Sar tras a instalación da nova cuberta telescópica


O alcalde, o concelleiro de Medio Rural, a xerente do Consorcio e outros membros da Corporación municipal durante o acto de apertura

A nova estrutura poderase abrir ou pechar total ou parcialmente en función da meteoroloxía en cuestión de segundos. A intervención do Consorcio permitiu tamén a instalación dun baño turco e unha sauna no complexo deportivo.

As piscinas exteriores do complexo deportivo do Multiúsos Fontes do Sar abriron este mércores de novo as súas portas tras rematar as obras de instalación da nova cuberta telescópica que permitirá mellorar os usos da piscina e que estea dispoñible todo o ano sen importar a meteoroloxía.

Ao acto de apertura ao público, asistiron membros da comisión executiva do Consorcio e do Consello de Administración de XADE. Tamén estivo o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a arquitecta responsable do proxecto, Idoia Camiruaga; a xefa técnica do Consorcio, Lourdes Pérez, ademais de representantes dos demais grupos municipais. Desculpou a súa ausencia o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

O alcalde, e presidente do Consorcio, salientou as posibilidades que ofrecerán as piscinas de Fontes do Sar tras realizar a intervención. “Hai que felicitar tanto aos técnicos como á empresa que fixo as obras que nos vai permitir unha optimización do espazo e o seu aproveitamento tanto no verán como no inverno”, indicou.

Ademais da nova cuberta telescópica, tamén se instalou un baño turco e unha sauna que completan os servizos que ofrecerán a partir de agora as instalacións deportivas. A eficiencia enerxética e a salubridade é un dos outros grandes puntos a favor da reforma, xa que o complexo pasará a consumir moita menos enerxía. En palabras de Sánchez Bugallo, “estou convencido de que en menos de dez anos esta actuación compénsase coa redución do custe dos consumos enerxéticos”.

Novas oportunidades

A instalación da cuberta telescópica ofrecerá novas oportunidades para os usuarios do Complexo Multiúsos Fontes do Sar, xa que permitirá abrir ou pechar, grazas aos seis motores dos que dispón, en función da meteoroloxía. Tamén se poderá, dadas as características, abrir a cuberta enteira ou só parcialmente de maneira moi sinxela.

O proxecto, asinado polo arquitecto Jorge Barata, realizou unha intervención a partir dunha estrutura de aluminio, dividida en doce módulos, e unha cuberta de policarbonato especial para evitar condensacións.

A fachada resultante é acristalada ata os 2,20 metros de altura, e a cuberta ten unhas dimensións de 61,80 por 24 metros, sobre unha superficie de 1.446 metros cadrados.

Esta cuberta telescópica permitirá desde agora a apertura ou peche da estrutura de maneira motorizada e inmediata, mentres que o globo do que se dispoñía nas instalacións ata o pasado verán obrigaba a pechar as instalacións unha semana para a súa instalación.

Esta obra foi realizada polo Consorcio de Santiago nas instalacións propiedade da institución interadministrativa, e foi executada por Prace, Servicios y Obras S.A. por un importe de 1.070.392€.